Convivencia
Durante o mes de xaneiro puxemos en marcha unha nova iniciativa para tomar conciencia dos xestos e accións encamiñadas a coidar dun mesmo e dos demais que teñen lugar ao longo dunha xornada, valorando especialmente aquelas que xorden de xeito espontáneo e que contribúen a mellorar o estado de cada un/a e ás relacións do grupo.
Cada vez que realizamos unha destas accións, collemos un dos corazóns depositados nunha caixa e pasámolos a unha cunca baleira, o que nos permite recoller, contabilizar e, en definitiva, visibilizar cada un destes xestos feitos con amor.
Ao rematar a xornada, especialmente durante as primeiras semanas, dedicábamonos a contar as accións e levábamos a cabo unha reflexión sobre as mesmas: se todos/as a podiamos facer, se se consideraba que eran moitas e, en caso contrario, como podíamos facer para mellorar e seguir aportando.
Como a cunca se baleira para o día seguinte, de forma complementaria, colocáronse papeis e un rotulador para levar a cabo, aqueles que o desexaran, a anotación das accións que realizan e facelas dalgunha maneira permanentes no tempo, podendo representalas a través da escritura ou debuxo.
Despois destes meses, a iniciativa continúa a estar presente e, aínda que a veces non atopamos ningún corazón na mesma, outros días apetécelles deixar constancia dos seus xestos atopando ao fin da xornada algunha acción anotada. Mentres isto sigo acontecendo seguirá ocupando un recunchiño da nosa aula 🥰.
Por outra banda, relacionado coa mellorada da convivencia pero, neste caso, coas diferencias que teñen que ver entre os dous sexos, falamos, previo á conmemoración do Día da muller traballadora, un chisquiño do pasado e das privacións e as situacións de desigualdade que sufrían as mulleres.
O 8 de marzo sacamos ao exterior unhas cintas moradas co nome de 3 mulleres importantes para eles/as (nais, avoas, amigas, irmás...) como forma de darlle forza e movemento (ao ritmo do vento) para que nunca se deteñan e alcancen todo aquilo que desexan.
Aproveitamos tamén para coñecer e representar o símbolo asociado á muller moi presente nas rúas especialmente nestas datas.






Comentarios
Publicar un comentario