EXPERIMENTACIÓN
Propóñovos para esta semana un experimento un pouco máis primaveral: o proceso de xerminación dunha planta 🌱. Seguramente moitos de vós xa o fixéchedes algunha vez ou o víchedes nalgunha ocasión. Require un pouquiño de paciencia a diferenza do anterior pero tamén é bastante sinxeliño. Para levar a cabo este experimento só ides precisar:
- Recipientes transparentes
- Algodóns / panos de papel
- Legumes
- Auga
Os/as peques deberán introducir o algodón ou o pano de papel no recipiente, metelos legumes e humedecer un chisco. É importante que o recipiente sexa transparente para que poidan observar con facilidade o proceso. Poden empregar diferentes tipos de legumes e así ver se hai diferenzas dunhas a outras, se xerminan todas á vez, cales precisan máis tempo... No seguinte vídeo, por exemplo, empregaron fabas, lentellas e garavanzos:
Recoméndovos empregar recipientes separados para cada legume que incluso poderán etiquetar co nome. Así mesmo, sería recomendable que empregásedes máis dun legume do mesmo tipo por se non chegara algunha a xerminar. Sería interesante que foran conscientes dos días que dura todo este proceso. Para isto podedes botar man dun calendario e ir marcando ou no seu defecto anotar nun papel os días que van pasando. Os máis maiores, coa axuda dunha cinta métrica, poderán ir anotando tamén as medidas dos talos.
Outra opción diferente pero que pode ser perfectamente complementaria, é a de introducir en diferentes recipientes o mesmo tipo de legumes e probar varias opcións: un sen auga pero con luz, outro con auga e con luz e outro con auga pero sen opción a luz. Deste modo, farédelos reparar ademais nos factores que interveñen no proceso de xerminación.
Para levar a cabo todo isto e sacarlle un mellor proveito, intentade seguir os mesmos pasos que vos indicaba no anterior experimento xa que son extrapolables a todo este tipo de actividades e que permite iniciarse no método científico. Velaquí un vídeo recordatorio dos pasos:
Podedes enviar fotiños ao respecto para compartir entre todos/as e poder ver como van crecendo todos esos legumes. Animádevos a probar! ☺️
iupiii! 👨🏼🔬 aí vamos coa proba!
ResponderEliminar