Xogos con cartas

Amósovos algunhas das posibilidades que ofrecen as barallas para traballala lóxica-matemática xa que é algo que moitos de vós seguramente tendes na casa:

1ª 💡. Poñer tantos elementos como indica a carta. As cartas que usamos na escola para esta actividade son bastante grandes o que lle permite colocar o número exacto de elementos. Isto non é posible cunha baralla máis pequena polo que deben contar primeiro para logo coller o número de elementos que indica a carta. 


2ª💡. Clasificar as cartas. Podedes darlle un montonciño para que se fixen nos símbolos e ir clasificando. No caso dos máis pequenos/as, collede un grupo pequeno de cartas para que non se lles faga moi pesado pois tamén é interesante que rematen o xogo que comezan. 


3ª💡. Series en sentido ascendente ou descendente. Trátase de ordenar as cartas de menor a maior (1,2,3,4...) ou de maior a menor (12,11,10...). Para os de tres anos podedes ofrecerlle un modelo xa feito e que intenten reproducilo poñendo debaixo a carta correspondente.


4ª💡. A carta máis alta. Normalmente xogamos con 22 cartas (2 paus completos). Os pasos que seguimos para levar a cabo este xogo son os seguintes: barallar, repartir, xogar e anotar os resultados. Trátase de sacar unha carta ao azar e comparala coa do compañeiro/a. Aquel/a que sacara a carta máis alta, quédase coa súa carta e coa do compañeiro/a e gárdaas a un lado sen mesturalas co montón que ten na man. Se saíra o mesmo número, ámbalas cartas se apartan e non se contabilizan. Ao final da partida, cada un/unha conta o número de cartas que conseguiu. O que ten máis cartas gana a partida. 


5ª💡. Sumas sinxelas. Na escola tendemos a facelo con dados e coa caixa de sumas. Habitualmente contan cunha folla de rexistro no que anotan o que suman e o seu resultado. Para levar a cabo a operación, apóianse nos puntos que teñen os dados. Non obstante, as cartas ofrécenos o mesmo apoio visual polo que permite facelo do mesmo xeito. Poden sumar dúas cartas, tres, catro... dependendo do nivel de cada un/unha. 


6ª 💡. A carta anterior e posterior. Outra opción que ofrecen as cartas é a de traballar o número anterior ou posterior. Podedes sacar unha carta ao azar e que traten de buscar que número vai antes e cal despois. 

7ª 💡. Maxia. Para levar a cabo este xogo débese, en primeiro lugar, ordenar as cartas dun mesmo pau. A partir de aí podedes pedirlle que peche os ollos para retirar unha carta que logo deberá adiviñar. Outra opción é que, en lugar de retirar unha carta, cambiedes a orde dalgunhas cartas para que descubra o erro e as volva a reorganizar. Para facelo máis especial, acostumo a empregar frases do tipo: "Abracadabra a mestra Natalia, colle unha carta". 

8ª 💡. Castelo de naipes. Seguramente todos/as o coñecedes. Trátase de apoiar unha carta contra a outra, en forma de triángulo e combinalos con outros para que fagan de base formando unha estrutura equilibrada. Este xogo esixiralles moita precisión, paciencia e concentración. Todo un reto!

Espero que estas ideas vos sirvan de axuda e entretemento para estes días 😊.

Comentarios