EXPERIMENTACIÓN

Como experimento desta semana propóñovos de novo unha idea moi sinxeliña para realizar cos/as peques na casa relacionada co volume e a temperatura dos gases. Para poder levalo a cabo ides a precisar:
  • Un globo
  • Unha botella 
  • Dous recipientes o suficientemente anchos para que a botella colla dentro

Unha vez teñades os materiais necesarios, os/as peques deberán seguir os seguintes pasos:

1º PASO: Colocar o globo con moito coidado para evitar que se rompa na boca da botella. Podedes botarlle unha man se vedes que precisan un chisquiño de axuda: suxeitándolle a botella, agarrando por un extremo do globo... pero deixando facer sempre a eles/as o máximo posible e aportándolle a confianza e apoio necesario para que traten de superarse e esforzarse.


2º PASO: Verter nun dos recipientes auga fría e no outro auga quente. Posteriormente introducirase a botella dentro de cada recipiente polo que deben evitar encher o recipiente ata o límite para que logo non saia por fóra. Cunha pouquiña en cada un será suficiente.


3º PASO: Establecer hipóteses sobre o que ocorrerá se a botella co globo se introduce no recipiente con auga fría e realizar a súa correspondente comprobación.


4º PASO: Repetir a operación pero esta vez introducindo a botella na auga quente. Recordade establecer antes as hipóteses tamén. Neste paso, tocará esperar un chisquiño máis, observar e reflexionar sobre o que aconteceu. 



Despois de observar como a aparencia do globo cambia na auga quente, poden volver a introducilo en auga fría ou esperar un ratiño para ver que sucede. 

A razón deste fenómeno débese a que a subida da temperatura dos gases que hai na botella leva parello o aumento do volume dos mesmos, provocando que se expandan e, en consecuencia, o globo ínflase. Ao arrefríar a botella, o gas contráese ocupando menos volume e polo tanto o globo volve a súa posición inicial. Curioso verdade? 

Feliz luns a todos/as!

Comentarios