FROTAGGE

E hoxe invítovos a centrarvos cos/as peques no sentido do tacto e aproveitalo como pretexto para seguir experimentando cunha técnica artística diferente, o frotagge. Para levar a cabo esta idea precisaredes o seguinte:
  • Obxectos ou aparellos domésticos con texturas diferentes.
  • Lapis, carbón, grafito ou ceras de cores.
  • Folios.
O primeiro paso a seguir é o de investigar cos/as peques un pouquiño a superficie dos obxectos ou aparellos que atopedes, observando a súa contorna próxima para descubrir as diversas texturas que o/a rodea. Amósovos algúns exemplos de obxectos e materiais cunha textura especial:


Podedes tomar un tempo para tocalos e percibir a textura dos mesmos nas súas mans ou en calquera outra parte do seu corpo como pode ser na propia meixela ou na planta dos pés. Ao mesmo tempo, podedes ir comentando as sensacións que lles producen, se lles gusta ou non, se lles resulta familiar... así mesmo, podedes aproveitar esta exploración e recoñecemento de texturas para levar a cabo un xogo de identificación, para o cal simplemente precisarán pechar ou os ollos ou cubrir os mesmos cun pano, acercarlle un dos obxectos ou aparellos e tocando un anaquiño do mesmo tratar de adiviñar que se trata. Recoméndovos primeiro só un anaquiño para que se centren en analizar a textura e se precisaran un pouquiño de máis axuda para descubrilo, podedes ofrecerlle todo o obxecto para palpar a súa totalidade apoiándose tamén na súa forma.

Analizada as texturas, chega o momento de tratar de capturar a súa pel. Como podedes logralo? Pois moi doado, a través da técnica do frotagge, a cal consiste en frotar cun lapis ou calquera outro material como carbón, grafitos ou ceras sobre un papel colocado encima dun obxecto, atrapando a textura dese obxecto e a súa forma no caso de chegar a pasar o papel por todo o obxecto. Podedes rexistrar a pel dos obxectos a modo de mostrario, plasmando a superficie que xorde e o nome do obxecto ou aparello.



Despois de levar a cabo o frotagge, podedes aproveitar a técnica para facer composicións a través da unión de diferentes formas, de xeito que cada nova forma que se incorpore ao papel ten que tocar ou superpoñer nalgún punto con outra forma xa debuxada. Para iso, podedes nun anaco de papel recortar diferentes formas que lles servirán a modo de molde. Poden realizalo tamén cun lapis, carbón, grafitos ou con diversas ceras, para darlle á composición un toque de cor.



Feliz mércores!

Comentarios