COLAXE

E hoxe, unha proposta para traballalo sentido artístico dos/as peques a través do colaxe, técnica artística baseada en ensamblar diferentes elementos nun todo unificado e que aproveitaremos tamén para continuar coa lectoescritura. Para levar a cabo esta proposta ides a precisar:
  • Revistas, xornais, embalaxe ou etiquetaxe de produtos...
  • Tesoira
  • Pegamento
  • Un folio ou algo similar

Con estes materiais podemos realizar tres opcións diferentes, podendo realizar os/as peques a opción 1 e a opción 2 de forma independente ou levar a cabo unha combinación das mesmas, como no caso da opción 3. Explícovos detidamente cada unha destas opcións:

OPCIÓN 1: Con esta primeira opción preténdese que os/as peques encaixen, unan... o que atoparon nun todo unificado, é dicir, que poñan en práctica a técnica do colaxe. O primeiro paso será buscar nas diferentes revistas, xornais, folletos... aquelas fotografías, imaxes, debuxos, formas... que máis lles gusta e recortalos con moito coidado pola súa contorna. 

Unha vez teñan as fotos, imaxes e/ou debuxos recortados, previamente ao colaxe, poden, en función sempre do nivel de cada neno/a:
  • Contar a totalidade de elementos recortados.
  • Clasificar por algunha temática: persoas, alimentos, debuxos...
  • Clasificar por predominio de cores.
  • Facer unha listaxe do atopado.
  • Escribir os nomes e separalos en sílabas.
  • Pasar de singular a plural e/ou viceversa.
  • Reparar no artigo que acompañaría a palabra (a,o,as,os - la,lo,las,los)
  • Crear pequenas historias ou frases apoiándose nas imaxes...
Posteriormente, podedes deixarlles dar renda solta a súa imaxinación e que traten de crear unha única composición con todo o buscado, colocando as figuras como o desexen.


OPCIÓN 2: Para a segunda opción, en vez de buscar fotos, imaxes e/ou debuxos que agraden aos/ás peques, deberán buscar diferentes letras. Poden primeiro coller a revista e un rotulador e buscar as letras máis grandes que atopan na revista. Esta busca de letras pode ser libre, é dicir, que eles/as só se encarguen de buscar letras e ir marcándoas, ou ben, dirixir a busca cara letras concretas: buscamos as letras A, agora é a quenda da B... Unha vez feito isto, igual que na opción anterior e sempre en función do seu nivel, poden:
  • Contar a totalidade de letras
  • Contar cantas hai de cada letra
  • Facer unha gráfica onde se recollan as letras e a cantidade atopada de cada unha delas.
  • Comprobar de que letra hai máis cantidade e de cal hai menos.
  • Separar as vogais e as consoantes...
Despois de comprobar algúns destes aspectos, chega o momento de crear palabras ou pequeniñas frases ou textos, collendo as letras e pegándoas!


OPCIÓN 3: Nesta terceira opción combínase a primeira opción e a segunda, por este motivo, se vos decantades por facer cos/as peques as anteriores para reparar de xeito máis pormenorizado nas imaxes e nas letras, non será preciso levar a cabo esta terceira. A idea é de que formen composicións como na primeira opción e combinalos a súa vez con textos ou palabras. O resultado sería algo así:


Que teñades un bo día!

Comentarios