XOGOS CON NÚMEROS III
Nesta entrada atoparedes a última batería de ideas para realizar coas tarxetas de números:
REPRESENTACIÓN DE NÚMEROS: neste apartado, amósovos dúas formas diferentes para prácticala grafía cos/as peques e a escritura e lectura de números, esta última dirixida aos máis maiores da escola.
- Grafía de números: Para levar a cabo esta primeira opción simplemente ides a precisar un plato ou bandexa e un pouco de pan raiado ou similar. Podedes darlle varias tarxetas de números e que vaian realizando a súa grafía neste soporte. Deste xeito, practicarán as diferentes grafías sen necesidade de recorrer ao lapis e ao papel. Para facelo un chisquiño máis completo, poden ampliar a actividade collendo de entre un conxunto de obxectos tantos como o número indique.
- Escritura de números: Nesta opción podedes introducir nun recipiente unha serie de tarxetas que deberán ir retirando de unha en unha e rexistrando nun papel a súa grafía e o seu nome. Podedes facilitarlles un segundo recipiente para depositar os números que van anotando e favorecer a orde na actividade.
DESCOMPOSICIÓN: as tarxetas poden servirvos tamén para traballala descomposición de números cos/as peques, presentando con elas o número a descompoñer.
- Descomposición en números: con esta opción o que se pretende e que os/as peques perciban as diferentes formas de crear ese número. Para levar a cabo esta opción ides a precisar: algunhas tarxetas con números, dous recipientes e un conxunto de obxectos. O primeiro paso será que o/a neno/a seleccione unha das tarxetas que lle facilitades e deberá coller do conxunto de obxectos tantos como o número indique. Posteriormente irá distribuíndo os obxectos de diferentes formas entre os dous recipientes ata agotar as posibilidades. Resulta importante que en tódalas formas que probe, non deixe ningún obxecto sen usar dos que indica o número.
Como vedes, os materiais así como as formas de presentala proposta poden ser infinitos. Recoméndovos usar, como na segunda imaxe que vos achego, unha folla de rexistro, o que lles servirá para comprobar as formas xa creadas para evitar a súa repetición. Un truquiño que usabamos na escola é que o número de posibilidades de agrupación e distribución son sempre unha máis que o número en cuestión, é dicir, no caso do número 3, existen 4 formas diferentes de colocar as 3 culleres neses dous recipientes e no caso do 7, 8 formas distintas.
- Descomposición en decentas e unidades: outra opción é a de descompoñer o número en decenas e unidades dunha forma visual e manipulativa. Neste caso precisaredes unha cantas tarxetas con números e escoller algún tipo de material que permita realizar agrupacións. Preséntovos dúas opcións moi sinxeliñas:
Imaxe 1
Imaxe 2
Na imaxe 1 as boliñas de papel son as unidades soltas mentres que a tapa sirve de base para agrupar as unidades nun conxunto de 10, equivalendo así cada tapa a 1 decena. Deste xeito, o número 23 descomponse en dúas decenas (dúas tapas con 10 boliñas cada unha) e 3 unidades (3 boliñas de papel).
Na imaxe 2 preséntovos a mesma finalidade pero con outro material diferente. Neste caso, a goma funciona como a tapa, permitindo facer agrupacións de 10 palillos, o que equivalería a 1 decena.
Así mesmo, podedes aproveitalas tarxetas para realizar buscas de números con X decenas e X unidades ou averiguar que número se compón dese maneira.
No caso dos/as máis peques, podedes optar por formar decenas cos
diferentes obxectos que tendes na casa: unha decena de calcetíns, unha
decena de culleres, unha decena de flores... recordándolle que teñen
que ser sempre 10 e que non se poden quedar curtos ou pasarse da cantidade.
E, unha última opción moi doada que vos ofrezo coas tarxetas, é a de asociar cada grafía coa súa cantidade. Poden ordear antes os números e posteriormente representar a súa cantidades a través de diferentes obxectos:
Comentarios
Publicar un comentario