MONIGOTES

Hoxe toca unha proposta creativa que xira en torno ao esquema corporal, eixo principal a través do cal os/as peques van descubrindo o mundo que nos rodea, de aí a importancia dunha boa estruturación do mesmo. Non obstante, antes de chegar á vertente creativa, debemos de seguir unha serie de pasos:

PASO 1. Comezaremos por tomar conciencia do propio corpo e as partes que o forman. Se tedes na casa un espello de corpo enteiro, invitade aos/ás peques a observar o seu reflexo, enumerando as partes do seu corpo, partindo das máis xerais cara os segmentos e extremidades corporais, reparando, por último, nos detalles do mesmo. En caso de non ter un espello deste tamaño, podedes recorrer a unha fotografía actual do/a peque.

PASO 2. Unha vez os cativos/as enumeren e sinalen as partes e detalles sobre si mesmos/as, podedes xogar xuntos a sinalalas sobre os demais.

PASO 3. O seguinte paso será o de recoller nun cestiño ou recipiente pequenos materiais que teñades pola casa. Calquera cousiña é válida, dende material de refugallo como rolos de cartón ata botóns, ferramentas, pinzas da roupa, cordóns, tapas... neste caso optei polo seguinte material:


PASO 4. Unha vez teñades as pezas que queredes empregar, toca crear! O obxectivo será buscarlle forma aos materiais de tal xeito que o resultado sexa un esbozo da figura humana.


PASO 5. Rematado o monigote, poden representalo graficamente (debuxalo), reparando nos detalles e materias que empregaron. Ademais, para ampliar un pouquiño máis a proposta e aproveitala para traballar a lectoescritura e a lóxica-matemática, podedes engadirlle a esta representación gráfica o seguinte: 
  • Poñerlle un nome
  • Escribir o nome das diferentes partes
  • Escribir o nome das pezas empregadas
  • Contabilizar o número de pezas totais
  • Contabilizar as pezas de cada tipo
PASO 6.  Para finalizar a proposta, déixovos un xogo do máis divertido para xogar en familia e traballar un pouco as rimas: "Teño un piollo e próeme... o bandullo!"


Bo día a todos/as!


Comentarios

  1. Encantados Pó, dende moi pequeñas. Temos un pola casa de peluche, e comencemos a persoa que lle presta a voz...jajaja

    ResponderEliminar

Publicar un comentario