XOGOS CON NÚMEROS II

Como vos comentei na publicación da semana pasada, XOGOS CON NÚMEROS, achégovos outras opcións para levar a cabo coas tarxetas de números. 

SERIES NUMÉRICAS: trátase dunha actividade que responde a diferentes graos de dificultade segundo a forma de presentala aos/ás peques, podéndoa adaptar perfectamente ao nivel de cada un/ha. Son varias as opcións que permiten polo que vos achego algunhas delas:
  • Series ascendentes e descendentes: para aqueles/as que se están iniciando na identificación de números e a súa correspondente grafía, recoméndovos usar pouquiños números. Podedes ofrecerlle tamén un modelo para que o intenten reproducir debaixo. Nos demais casos, e atendendo sempre aos diferentes niveis, podedes extender as series tanto como desexedes.
  • Series dende un número ata outro: esixe maior dificultade que a anterior e un mellor coñecemento da recta numérica por parte do alumnado. En función do nivel, podedes movervos en cantidades máis elevadas ou, pola contra, máis baixas. Para levalo a cabo, deberedes indicarlle dende que número deben partir e ata que número deben chegar.  
  • Series de 2 en 2, de 5 en 5, de 10 en 10... esta alternativa esixe ademais dun bo coñecemento da recta numérica, dun mellor dominio de operacións matemáticas como a suma e o conteo. Unicamente precisades proporcionarlles as tarxetas e darlle a consigna que desexedes.


BUSCA DE PARELLAS: esta idea é moi similar ao xogo do memory da semana pasada. Neste caso, podedes ofrecerlle aos/ás peques unha serie de números dos que deberán buscar nun recipiente ou bandexa a súa correspondente parella.


TÁBOA DO 100: outra das ideas que podedes poñer en práctica, especialmente con aqueles/as peques que xa teñen un maior dominio da recta numérica, é a elaboración do cadrante do 100. 



Unha vez colocados os números, podedes invitalos a pechar os ollos e facer algún cambio de número para que traten de descubrilos. Outra idea que podedes poñer en práctica con eles/as é unha adaptación do xogo do solitario da baralla: 


PASO 1: Colócanse as tarxetas ao azar boca abaixo en filas de 10. 
PASO 2: Elíxese unha tarxeta ao azar, xírase e búscase o seu correspondente lugar.
PASO 3.  Colócase dita tarxeta no sitio, collendo a que estaba nese lugar e identifícase o novo número.
PASO 4. Repítese a operación coa nova tarxeta e así sucesivamente.

No momento no que se levanta unha tarxeta cuxo lugar no que se atopa é o seu sitio remátase a partida e vólvese a comezar. O obxectivo é tratar de levantar a maior cantidade de números posibles para conseguir completar a táboa do 100. 

Este xogo tamén pode ser adaptado ao nivel de cada peque e, en lugar de falelo coa táboa do 100, podedes facelo cunha fila, dúas... ata que se vaian sentindo máis cómodos e dominando a orde dos números que estades a practicar.

Bo día a todos/as!

Comentarios