XOGOS CON NÚMEROS
As ideas que vos achego hoxe precisan dunha pequeniña preparación previa! Necesitaredes elaborar unhas tarxetiñas con diferentes números. Ensinareivos con elas, algunhas das propostas que fomos realizando na escola, outras que nos quedaron pendentes... pero que son moi doadas de poñer en práctica. Son facilmente adaptables ao nivel de cada pequecho/a polo que valerá a pena este pequeniño esforzo.
Para levar a cabo a súa elaboración válevos calquera material: folios, cartolinas... o que teñades na casa. Se tiverades folios de cores e decidides empregalos, recoméndovos o uso dunha soa cor para que se centren unicamente no número. Para non vos demorar moito na súa elaboración, podedes empregar un trunquiño que xa vos comentara en publicacións anteriores: superpoñer follas ou dobralas e a recortar! Pensade que podedes incluír aos/ás peques tamén neste proceso.
Amósovos hoxe dúas ideas diferentes para aplicar con estas tarxetas e nas que poden participar toda a familia:
BINGO: A través deste xogo traballaredes especialmente o recoñecemento, identificación e grafía dos números. Para levalo a cabo, non é necesario contar precisamente cun bombo e as bolas propias do xogo, senón que podemos botar man dunha bolsiña de tea ou dunha pequena caixa na que incorporar os números e ir extraéndoos de un en un. No caso de que o precisaran, podedes mostrarlles o número para facilitar a súa identificación. Precisaredes tamén elaborar un par de cartóns para xogar, os cales podedes ir marcando ou ben colocar algún obxecto/material enrriba de cada número para reutilizalos en máis ocasións. Déixovos algunhas fotos a modo de exemplo:
MEMORY: Para os que non coñecedes este xogo, trátase dun xogo de exercitación da memoria que ten como finalidade a busca de parellas. O primeiro que debedes facer, especialmente se son moitas tarxetas, é colocalas primeiro cara arriba uns segundos para tratar de memorizar a posición das parellas e logo darlles a volta. Cada xogador/a debe poñer, seguindo un sistema de quendas, boca arriba dúas cartas ao azar, se as cartas teñen a mesma figura, neste caso números, o/a xogador/a gañará esas dúas cartas e poderá repetir de novo. Se as cartas son diferentes, o/a xogador/a deberá volver a colocar as cartas boca abaixo, cedéndolle a quenda a outro/a xogador/a. Ao final do xogo, deberase contar as cartas acumuladas e o que teña máis gana. Tendo en conta o nivel de cada peque, podedes comezar usando unhas pouquiñas tarxetas:
E a medida que vaian dominando o xogo ir aumentando a cantidade das mesmas. A maior cantidade, maior número de elementos a memorizar.
Que vos parecen? A vindeira semana amosareivos outras opcións a realizar con estas tarxetas. Moi bo fin de semana!






Comentarios
Publicar un comentario