CAIXIÑA DOS DESEXOS

Xa van unhas cantas semanas que estamos nas nosas casas pero xa nos atopamos en camiño de volver pouquiño a pouco á normalidade. Quédanos aínda un chisquiño máis por percorrer e pese que os/as peques xa poden saír da casa, sigue habendo cousiñas que non poden facer e que anteriormente formaban parte do seu facer diario.

A proposta de hoxe vai dirixida a coñecer todo iso que os/as vosos/as peques están a estrañar durante todo este tempo (visitar aos máis achegados/as, xogar cos amigos/as, ir á escola, ao parque...) e trasladalo a algo tanxible, que poidan ver e tocar, que lles recorde de forma diaria ou sempre que o precisen, que esta situación é transitoria e que volverán a facer todo aquilo que tanto botan en falta. Para iso, a idea que vos traslado é a de elaborar unha caixiña ou bote dos desexos, no que poden ir introducindo todas esas cousas que lles gustaría facer e non poden... incluso os papás e as mamás podedes animarvos a usala con eles/as e ir gardando todos/as xuntos eses pensamentos para poñelos en práctica ao rematar este período.


Polo tanto, para levar a cabo esta proposta propóñovos os seguintes pasos:

PASO 1: buscar pola casa unha caixa ou bote para decoralo e facelo propio, máis persoal, con calquera material que dispoñades pola casa: temperas, ceras, rotuladores, pegatinas, papeliños recortados, cintas, lazos, etc. Podedes ofrecerlle todo o material co que contedes e que sexan eles/as mesmos/as os que decidan cal usar, axudando se o precisaran pero sen interferir no seu proceso creativo e artístico. Poden decidir a forma de metelos pensamentos: abrindo e pechando a tapa, creando un buratiño para introducilos a modo de furna...


PASO 2: colocar a caixiña decorada no espazo da casa que máis lles guste. Podedes poñer ao lado da caixiña uns papeliños, un caderno, un bloc de notas... para que no momento que se lles ocorra algo que boten en falta, teñan todo o indispensable a man.


PASO 3: ir introducindo, tanto peques como adultos, os desexos que vaian xurdindo. En función do seu nivel de lectoescritura, poden facer un debuxo, acompañar o debuxo con palabras ou escribir a palabra ou frase.

PASO 4: último paso e non por iso menos importante, destapar a caixiña unha vez superada esta situación e ir collendo en familia un desexo diario, semanal... e tratar de facelo realidade. 

Para alegrar e animar un pouquiño o día, compártovos unha canción que nos gusta moito cantar e bailar:

FUN AO MERCADO - María Fumaça 

Desfrutade moito da caixa dos desexos, desta ponte e dos pequenos paseiños que podemos comezar a dar. Esperemos que o tempo acompañe e recordade, sempre con responsabilidade. Ata o martes! ☺️

Comentarios

  1. O meu desexo vai ser botar un baile todas as familias xuntas👯‍♂️

    ResponderEliminar

Publicar un comentario