PSICO E MOVEMENTO

Hoxe achégovos unha serie de ideas centradas no desenvolvemento da psicomotricidade fina e en promover o movemento dos/as peques a través de diferentes xogos, pois este é tan importante como todo o demais e non debemos de esquecelo tampouco neste tempo de recollemento. 

Comezo pois, por dúas propostas relacionadas coa psicomotricidade fina, moi doadas e cun material que podedes ter todos/as na casa:

COLOCAR PINZAS: como vedes, non se precisa nada máis que unhas cantas pinzas de colgar a roupa e un cestiño, caixa... que permita ir colocándoas. Se tendes un tendal á altura dos/das peques, podedes aproveitar o feito de colgar a roupa lavada para practicalo tamén con eles/as nunha situación máis contextualizada e da que seguro se sentiran moi orgullos/as de poder botarvos unha man. 


ENSARTAR MACARRÓNS: outra idea que podedes levar a cabo con eles/as é a de ensartar algo tan típico e común como poden ser uns macarróns. Esta proposta esixe, ademais, unha maior coordinación óculo-manual. Como cinta, pode valervos la ou incluso os cordóns finos de calquera calzado. Aqueles/as que teñades témpera na casa, podedes aproveitar para pintalos, realizar series de cores e mesmo confeccionar os vosos propios colgantes ou pulseiras.


Podedes aproveitar ambas ideas para practicar tamén o conteo, realizar comparacións, usar cuantificadores (máis, menos, moitos, poucos...), ect.   

En canto ás propostas que esixen un maior movemento, compártovos o seguinte vídeo, elaborado por un mestre de Educación Física que ensina unha serie de xogos motrices para levar a cabo na casa cos nenos e nenas e dos que podedes sacar moito proveito, adaptándoos aos vosos recursos, xa que non é necesario contar cun material específico. No vídeo atoparades a seguinte listaxe de xogos: xogos de obxectos no centro dos recorridos, un xogo de traballo respiratorio, un xogo de diferentes ordes ao dicir unha palabra, xogos de transporte de obxectos e o xogo de bolos. 


E para relaxarvos un pouquiño, achégovos este outro vídeo moi interesante tamén e que vos fará compartir un momento moi acolledor e tranquilo en familia:


Que teñades un bo día! ☺️

Comentarios