EXPERIMENTACIÓN
Comezamos esta nova semana cun experimento! O experimento que vos propoño hoxe non é outro que o de investigar un pouquiño sobre como se comportan os obxectos que temos pola casa na auga e as súas propiedades (flotan ou afunden?). Para levar a cabo este experimento so ides a precisar: auga, un recipiente fondo e varios obxectos de diferentes medidas e pesos. Podedes deixar que eles/as mesmos/as sexan os encargados/as de collela auga, vertela no recipiente e seleccionar os obxectos cos que experimentar.
Antes de comezar, recordade formular as hipóteses sobre o que pasará con cada un dos diferentes obxectos. Recoméndovos que levedes a cabo o rexistro das mesmas, para logo comprobar mellor se aconteceu o que pensaban ou non. Para levar a cabo o rexistro tendes varias opcións. Amósovos algunhas ideas:
A primeira idea permite varias formas de facer o rexistro atendendo ao nivel de lectoescritura de cada neno e nena: facer unicamente o debuxo dos obxectos elixidos, facer o debuxo co nome debaixo ou escribir só o nome. Son tres opcións diferentes que van dende o máis simple ao máis complexo. A segunda idea de rexistro, ao non ir acompañada de debuxo, recoméndoa para os/as nenos/as que len. Unha vez formuladas e rexistradas as hipóteses pasamos ao momento de experimentación:
Introducir os obxectos
Retirar os obxectos levando a cabo a clasificación
Cando rematedes o proceso de experimentación é importante contrastar se as hipóteses recollidas nas follas de rexistro se corresponden cos resultados e extraer conclusións. No caso de que as hipóteses non se verificaran, podedes pedirlle que comproben o fenómeno que eles querían que se cumprira buscando outros obxectos ou alternativas co mesmo material. Por exemplo: a moeda afúndase, pero como podemos lograr que esta flote? Unha opción sería colocala nun vaso de plástico na auga e a ver que pasa. Desta forma, incitarédelos/as a que usen o seu enxeño para buscar recursos e alternativas á hora de comprobar experimentos, razoando neste caso sobre aspectos físicos como a flotación, o volume e a masa, dunha forma superficial pero científica.
Por se os máis maiores do cole queren saber un pouquiño máis, compártovos un vídeo interesante sobre a masa e o volume da materia e as súas características:
👀 Ollo ao minuto 1:30! Podedes aproveitalo para seguir experimentando! E por se queredes saber un pouquiño máis da materia e os seus diferentes estados déixovos este outro vídeo:
Bo día a todos/as! ☺️
Bo día!! ☺️ a experimentar imos 👏🏼
ResponderEliminar