ESTREITANDO VÍNCULOS

Seguro que este pequeno período de descanso non foi para nada como tiñamos pensado... Non obstante, o importante é estar sans, tratar de manter o ánimo e sacar forzas para facer fronte a toda esta situación 💪🏼. Recordade as pequenas recomendacións que vos proporcionei ao comezo de todo isto sobre os tempos diarios e, sempre en función da dispoñibilidade de cada familia, anímovos a realizar ademais as ideas que vos facilito dende o blogue e a compartilas con todos/as. Non me demoro máis e comezamos cunha nova proposta moi pero que moi tenra!

Nesta última tempada, visitando aos meus familiares antes de toda esta situación, pasábamos algún que outro momento contemplando álbums con fotografías de cando eles/as eran máis xoves, dos amigos/as, de cando eu era pequena... cada fotiño, incluía unha historia ou un comentario sobre ela, moitas/os delas/es repetidas/os pero trátanse desas cousiñas que non se cansa un/unha de escoitar.


Durante estes días, recordando eses momentos, veume á cabeciña a emoción que manifestan os/as peques cando se ven así mesmos/as no blogue, nunha foto ou ven a un/unha compañeiro/a e aos seus achegados/as. Tendo isto presente, ocorréuseme compartir con vós esta idea posto que pode ser unha gran oportunidade para levala a cabo cos vosos/as fillos/as nestes momentos tan diferentes ao habitual e no que precisamos, tanto maiores como pequenos/as, moita paciencia, comprensión e agarimo.

Como vedes, a proposta de hoxe é un pouquiño máis diferente e para a que só precisaredes un álbum ou unhas cantas fotografías. O principal obxectivo desta proposta é a de crear momentos cálidos e únicos en familia, compartir recordos, contarlles pequenas historias persoais e revivir momentos xuntos/as.

As fotografías pódense aproveitar ademais para: analizar, identificar lugares e persoas, percibir o paso do tempo, describir, contar, escribir nomes significativos... as posibilidades que nos ofrecen son infinitas! Pero o máis importante: consolidan vínculos, aportan seguridade e axúdanos/as a avanzar na construción da propia identidade. 


Moi bo día a todos/as!


Comentarios