TRANSVASES
Seguramente estes días na casa os/as peques vos están a axudar moito nas tarefas do fogar! Na escola, a verdade, colaboran un montón e sempre están dispostos a botar unha man. Este tempo na casa podedes aproveitalo aínda máis para seguir fomentando a súa autonomía, a adquisición de novas destrezas e novas responsabilidades. Non dubidedes en facelos/as cada vez máis partícipes de todas esas oportunidades de aprendizaxe que vos brinda a propia rutina diaria.
As ideas que vos ofrezo hoxe van encamiñadas ao desenvolvemento dalgunhas desas destrezas do día a día, é dicir, son ideas de Vida Práctica.
Os transvases non son máis que actividades nas que os/as nenos/as teñen que mover algo dun lado a outro. Estes poden ser en seco: con arroz, lentellas, pasta, froitos secos... ou tamén en líquido: con auga por exemplo. Con ambos tipos de transvase trabállase a coordinación óculo-manual, a concentración así como a preparación para a escritura ao implicar movementos de esquerda a dereita.
Para levar a cabo este tipo de proposta podedes botar man de moitos utensilios que tedes na cociña: vasos, pratos, culleres, xerras, filtros de té de pinza (este último se o tendes recoméndovos ofrecerllo pois encantáballes abrilo e pechalo!)... No caso de usar comida como material para ser transvasado, sempre a podedes gardar para que volvan a usala cando desexen ou noutro momento que lle presentedes a proposta, reutilizándoa e evitando o seu desperdicio. Amósovos algunhas ideas con utensilios que practicamente temos todos/as:
Transvases en seco
Na primeira fotografía, como vedes, simplemente teñen que transvasar as lentellas ao outro recipiente. É importante que se coloque sempre o recipiente cheo no lado esquerdo para favorecer ese movemento que vos comentaba antes (Ollo 👀 , isto non quere dicir que teñan que usar a man dereita ou a esquerda! Debedes respectar a súa elección xa que están descubrindo a súa lateralidade, polo que algúns/has decidirán usar a dereita e outros/as a esquerda ou probar primeiro cunha e logo con outra). A segunda, ademais de transvasar, implica colar o pan raiado para separar as lentellas e, a terceira imaxe, ofrécelles unha experiencia máis libre aos/ás peques pola súa parte.
A primeira fotografía dos transvases en líquido implica o mesmo que a primeira dos transvases en seco, simplemente cambia os recipientes e o material transvasado. Na segunda fotografía, deben absorber a auga co pano (podería usarse tamén unha esponxa por exemplo) e escorrer o pano no outro recipiente para baleirala auga e, na terceira imaxe, de novo, os materiais e os recipientes ofrécelles unha experiencia moito máis libre de investigación e sensacións. Na escola usábamos tamén contagotas e xeringas para levar a cabo os transvases con auga.
Non pensedes que para os maiores este tipo de actividades non lles supón ningún tipo de interese ou reto, aínda que teñen un maior dominio das destrezas implicadas que os máis pequerrechiños/as, asegúrovos que este tipo de propostas remataban sendo as máis demandadas en canto tiñan oportunidade.
Feliz mércores! ☺️
Comentarios
Publicar un comentario