XOGOS CON SERIES
Hoxe lánzovos unha proposta moi faciliña que permite diferentes niveis de complexidade. De novo, botamos man dos recursos que podemos ter na casa, ademais de que temos a vantaxe de que para esta proposta vale absolutamente TODO! Dende tapóns, botóns, cortizas, flores... calquera cousiña que se vos ocorra e do que teñades unha cantidade abundante para poder facer series.
Como vos dicía, permite diferentes niveis, polo que podemos facelas máis sinxeliñas, intercalando unicamente elementos (2,3,4 ou máis) ou, introducir unha maior dificultade, creando patróns máis diferentes e orixinais (estas esixen unha maior capacidade de atención e concentración). Ofrézovos algúns exemplos sobre o que acabo de dicir:
Como vos dicía, permite diferentes niveis, polo que podemos facelas máis sinxeliñas, intercalando unicamente elementos (2,3,4 ou máis) ou, introducir unha maior dificultade, creando patróns máis diferentes e orixinais (estas esixen unha maior capacidade de atención e concentración). Ofrézovos algúns exemplos sobre o que acabo de dicir:
Series intercalando elementos:
Serie con patrón diferente:
Serie con patrón diferente:
Como podedes levar a cabo esta proposta? Eu recoméndovos o seguinte: Primeiro seleccionar os materiais que queredes empregar para realizar as series e colocalos nun cesto ou caixiña que poidan empregar, poden participar eles/as mesmos/as na selección de material. Logo, escoller un espazo amplo e despexado para levar a cabo as series (a maior tamaño dos obxectos, maior espazo ocupará). Para poñela en marcha tendes dúas opcións:
- Ofrecerlle un patrón dado para que intente reproducilo. Para iso, con poñer o inicio será suficiente e logo que eles/as continúen e, no caso dos máis peques, de precisar, podedes ofrecer a serie completa e que a reproduzan debaixo tal e como vos mostro na segunda fotografía.
- Crear os seus propios patróns. Nesta segunda opción fomentaredes tamén a súa creatividade. É importante que nas súas creacións se perciba un modelo que se repite e que non dispoña os elementos ao azar, posto que o obxectivo, neste caso, non é ese.
As dúas opcións son complementarias así que podedes decantarvos por unha ou realizar ambas. Aquí vos deixo unha fotiño de Zeltia na escola realizando series seguindo un patrón dado:
A proposta pode deixarse aí ou empregar o xogo tamén como escusa para:
- Escribir: recompilando nunha lista o nome dos obxectos que empregaron para levar a cabo o xogo.
- Contar: realizando un conteo do número de obxectos que utilizou en cada serie.
- Comparar: que serie é máis longa, cal é máis curta...
- Imaxinar pequenos problemas manipulativos. Póñovos exemplo: se realizaches unha serie de 10 obxectos e queres conseguir unha serie de 17, cantos obxectos precisas para completar a serie?
- Multiplicar: detectando o número de obxectos do patrón (o modelo a seguir) e o número de veces que este se repite.
O que nun primeiro momento parece moi simple, pode dar moito de si! Espero que vos guste a idea e lle saquedes proveito! ☺️
Comentarios
Publicar un comentario