PROPOSTAS DE MOVEMENTO
Hoxe propóñovos dous xogos que perfectamente os podedes levar a cabo tanto dentro da casa como no exterior. Supoñen un pouquiño de exercicio motor que non nos ven nada mal para estes días de encerro. Ambos os poden realizar tanto os/as peques como os/as maiores.
Primeira proposta: para levar a cabo este xogo precisades ter un pouquiño de cinta adhesiva na casa, mellor de carroceiro, especialmente para aqueles/as que non teñades opción de saír ao xardín. Simplemente tedes que colocar nun espazo despexado, pode ser mesmo no corredor, liñas paralelas. Póñovos exemplo:
O xogo préstase a múltiples opcións: dar saltos no medio das liñas, camiñar polas liñas cos pés xuntiños, intentar chegar dunha liña a outra... Podedes ofrecerlles diferentes consignas como: primeiro cos pés xuntos, cun pé só, saltar o máis agochado posible, saltar estirado... Tamén podedes engadir números en cada espazo e realizar saltos aos espazos dos números indicados sen pisar os outros, engadindo así un chisco de difultade. Para os máis maiores podedes engadir pé dereito ou esquerdo.
Segunda proposta: esta opción non esixe tanto movemento pero resulta estupenda para traballar o lanzamento. Estou segura que podedes realizalo todos/as posto que un xogo que se presta a calquera tipo de material. Na imaxe que vos ofrezo aparecen cestos da roupa pero tamén podedes usar caixas. Canto máis grandes máis doado, iso si. Podedes usar perfectamente calcetíns dobrados no caso de non contar con pelotas.
As opcións que ofrece son variadas, dende facelo cun único cesto e un par de calcetíns ata lanzar por cores tal e como aparece na imaxe ou, incluso, poñer puntos en diferentes cestos (1,5,10...) para ir sumando. Para facelo máis emocionante podedes participar tódolos/as membros da casa.
Na escola, por se non vos decatáchedes aínda, tendemos a rexistralo todo 🤭... e, como non podía ser doutra forma, cando levamos a cabo calquera tipo de xogo en equipo tamén o facemos. Para evitar estar anotando cada punto e que se pare o xogo tratamos de facelo cada 5 puntos por exemplo.
Como vedes, calquera ocasión pode aproveitarse para traballala lectoescritura e as matemáticas. Espero que o desfrutedes ☺️







Comentarios
Publicar un comentario