XOGOS CO DOMINÓ

O dominó é un xogo tamén moi común ao igual que as cartas pero que quizais non todos/as teñades. Para aqueles/as que non contedes con este xogo e queirades probar, só precisaredes cortar uns papeis en forma rectangular e facer cun rotulador unha pequena división e os seus puntos. Se optades por esta opción, recoméndovos que empreguedes unha única cor. Este xogo permite moitas opcións, algunhas moi similares ás das cartas. Amósovos algunhas: 

O xogo tradicional. Sempre podedes ensinarlle a súa forma de xogo máis habitual. Ate o momento na escola estivemos xogando asociando debuxos pero estou máis que convencida de que coas fichas orixinais o realizaran perfectamente. 

Pequenas sumas: Ao igual que sucedía coas cartas, co dominó tamén se poden levar a cabo sumas pequenas. Como vos dicía na explicación das cartas, no momento de realizar este tipo de sumas contamos cunha folla de rexistro no que anotan o que suman e o seu resultado. Ensínovos unha:


Dependendo do nivel de cada neno e nena, a forma de levar a cabo este rexistro é diferente. Nun primeiro momento anotamos o que sumamos con puntos tal e como o están a percibir. Pouco a pouco, a medida que aumentan de nivel, vamos cambiando os puntos pola grafía do número que representan. A día de hoxe, menos os de 3 aniños, todos e todas poden usar os números para a anotación da operación e os resultados. Deste modo, cun simple folio en branco poden levar a cabo o seu rexistro. Unicamente deberedes axudarlle a poñer o signo xa que é algo que nas follas de rexistros lles veu dado ata o momento. Para levar a cabo a suma, aqueles/as que o precisan apoiaranse nos puntos para levar a cabo o seu conteo total. 


Restas sinxelas: Do mesmo xeito que se poden realizar sumas, tamén poden realizar restas. Poden facelas operacións apoiándose nas mans, indicando cos dedos o número maior da ficha e ir baixando tantos dedos como indique o número menor. Ademais das mans, podedes facer o mesmo con obxectos ou calquera cousa que se vos poida ocorrer: pedriñas, botóns, tapóns...

Descomposición de números: Para levar a cabo este xogo, tendes varias opcións: podedes indicarlle o número que ten que descompoñer de forma verbal, preparar tarxetas con números para que vaian levantando... O xogo consistirá en ir buscando entre as diferentes fichas do dominó tódalas opcións posibles que sumen dito número.


Multiplicación: Xa que temos ao máis maior do cole iniciándose nisto, as fichas do dominó tamén lle poden servir para traballar as táboas de multiplicar dunha maneira máis lúdica como aparece na seguinte imaxe. 


Para levar a cabo este xogo, recomendo ter a man un conxunto de elementos (pedriñas, botóns, tapóns...) e facelo da seguinte maneira: representar cos elementos dos que se dispoña tantos agrupamentos como indica a ficha. Deste modo, unha vez representada visualmente a operación  só precisaran sumar tódolos obxectos dos diferentes grupos para coñecer o resultado.

Xogo creativo. Este xogo é apto para todos/as. Ademais de sumar, restar, descompoñer e multiplicar, as fichas do dominó tamén se prestán ao fomento da súa imaxinación e creatividade. Déixovos un exemplo:


Xogo de precisión. Na liña do castelo de naipes atopamos este xogo no que deberán levantar as fichas do dominó e ir colocándoas paralelamente, unhas pretiñas das outras para o rematar empurrar a primeira e ver o efecto que produce. Como sucedía no castelo de naipes, trátase dun xogo que lles vai esixir moita precisión, paciencia e concentración. 


Espero que vos sexa de utilidade estas ideas. Quizais se vos ocorran outras tantas posibilidades interesantes. Nese caso, encantada estou de poder coñecelas! ☺️


Comentarios