CONTO FAVORITO

A proposta de hoxe está moi relacionada cunha tendencia moi actual que apareceu durante este período de confinamento e que se basea na recreación de obras de arte con todo o que se ten ao alcance na casa. Por se queredes botar unha ollada a moitas das enxeñosas creacións de arte que vos comento, podedes acceder á conta de instagram: tussenkunstenquarantaine (Entre a arte e a corentena). Asegúrovos que as recreacións que aparecen non teñen desperdicio!!


Recoñecedes a portada deste conto? Dado que hoxe se celebra o día do libro, propóñovos que invitedes aos/ás peques a pensar en cal é o seu libro favorito. Podedes leelo primeiro xuntos/as e reparar moi detidamente na súa portada para formularlle a idea despois. Os pasos a seguir para a posta en marcha desta proposta son tres e son ben doados:

PASO 1: Elixir o obra preferida, neste caso, o seu conto favorito. Seguro que agora vos sona máis a miña portada... eu escollín un conto moi especial polo significado que ten para min: Chibos Chibóns. Estou convencida de que os/as peques gardan pola casa tamén ese conto máis especial ou que tanto lles gusta!


PASO 2: Localizar elementos da casa que poidades empregar: prendas de roupa, accesorios, comida ou calquera outra cousiña que poida servos de utilidade. Pensade que podedes usar todo o que se vos ocorra, incluso podedes reinterpretar vos mesmos as propias personaxes do conto 😉.


PASO 3: A recrear! Deixade voar a vosa imaxinación! Pode chegar a ser moi divertido ver como van collendo forma tódolos materiais!


E para alegrar o día, déixovos o seguinte vídeo elaborado por unha escoliña infantil cunha canción que anima totalmente a abrirlle as portas á lectura. A canción é de Pablo Díaz (Imos contar un conto) e as dúas profesionais que saen no vídeo a interpretan coa linguaxe de signos. Anímovos a probar eses signos cos/as peques durante a parte:

...pois imos contar un conto, un conto moi especial, non sabemos de que trata mais pronto se saberá...

Podedes convertela nunha forma divertida de comezar os vosos momentos de lectura en familia!


Bo día a todos/as! 😊

Comentarios