EXPERIMENTACIÓN

Para comezar a semana con enerxía, toca experimentar un pouquiño, que sei que a estes/as pequerrechos/as lles gusta moito. Para levar a cabo o experimento de hoxe só ides a precisar: dous recipientes transparentes, un ovo, sal e auga.


Ao igual que a semana pasada o experimento de hoxe atópase relacionado coa densidade da auga e a materia. Polo tanto, é importante que o ovo sexa fresco. Antes de comezar podedes facer unha pequena proba cos/as peques e así recordarán un pouquiño o experimento que fixemos na escola. Para levar a cabo a proba é suficiente con botar auga nun dos recipientes e se afunde é fresco. Se flotase non vale, tedes que coller outro pois con este experimento o que pretenderemos é lograr que o ovo flote. 
Posteriormente podedes botar xa a auga no outro recipiente e establecer hipóteses ao respecto. Por suposto, o resultado será o mesmo que no anterior recipiente pero... que ocorrerá se se lle vota sal nun dos recipientes, remóvese e introdúcese de novo o ovo? 



Compártovos un video alusivo coa súa correspondente explicación:


Tras observar o vídeo veredes que non ten por que ser necesariamente cun ovo e que se pode empregar outros obxectos se así o desexarades e facelo máis entretido. A única vantaxe do ovo é que precisa menos sal polo que lograredes que suba antes. Non obstante, se vos animades, probade tamén con outros obxectos xa que lles permitirá establecer un rexistro co número de culleres de sal necesarias por cada obxecto e establecer diferencias entre uns e outros. 




Os/as peques teñen que ter un pouquiño máis de paciencia cos outros obxectos xa que os resultados non se perciben de forma tan inmediata como no ovo e esíxelles ir engadindo culleres de sal de vez en cando e ir removendo ata lograr o obxectivo. Para levar a cabo esta anotación é tan doado como escribir o nome do obxecto e establecer unha marquiña que se corresponda con cada culler de sal como unha cruz, unha raia...: 


Como vedes, non se require moito máis. Iso si, non teñades en conta o número de culleres rexistrado xa que se trata dun exemplo, o número de culleres de sal que precisei para a pinza foi moito máis elevado e tardei bastante tempo en ver o resultado. 

Espero que lles guste o experimento! Aproveitade moito do aire libre respectando sempre as normas establecidas ☺️. Bo día a todos/as!

Comentarios