RECURSOS LECTURA

Unha das cousiñas que vos recomendaba para estes días era a dedicación diaria dun tempo á lectura (ollo 👀: é algo que se debería procurar facer sempre se se quere fomentar un bo hábito lector). É importante que na casa se dispoña dalgún contiño a nivel persoal. Para abrir un pouquiño máis o abano do que se poida dispor nestes momentos, déixovos dúas opcións por se vos resultara de interese así como algunhas propostas ao redor da lectura.

GaliciaLe
GaliciaLe é a plataforma de préstamos de libros, revistas, audiolibros e películas en formato electrónico das bibliotecas públicas galegas que ten por obxectivo facilitar o acceso de toda a cidadanía á cultura. Proporciona un servizo de préstamo temporal de obras, tanto en formato dixital de temáticas diversas e para todas as idades. 

Nela atoparedes dous catálogos: un en galego e outro en castelán. As obras incluídas neles poderán lerse e visionarse en dispositivos compatibles: tabletas, teléfonos móbiles e ordenadores persoais. No caso dos libros, poderedes facelo, ademais, desde un lector de libro electrónico. 

Para poder usar esta plataforma simplemente se precisa o carné de biblioteca. Non obstante, aqueles/as que non o teñades, podedes rexistrarvos e proporcionárasevos unhas claves coas que acceder igualmente. Unha vez remata a corentena, disporedes de 30 días para achegarvos á biblioteca a solicitar o carné e seguir gozando desta alternativa.


CONTOS CONTADOS 
Outra opción interesante é a que ofrece a editorial Kalandraka, a cal acaba de lanzar recentemente a súa sección Contos Contados na súa canle de KalandrakaTV. De forma diaria van subindo vídeos contando algúns dos seus contos editados ao londo destes anos. Seguro que moitos deles xa os coñecen e lles encantará escoitalos de novo! Déixovos a ligazón por se queredes botar unha ollada: 



PROPOSTAS PARA O MOMENTO DE LECTURA 📖 

Os contos ofrecen un montón de posibilidades máis alá da simple lectura e que podedes levar a cabo nas vosas casas. Amósovos algunhas ideas con diferente nivel de dificultade:
  • Contar as personaxes dos contos
  • Facer debuxos do conto, dos seus/súas protagonistas...
  • Describir os/as protagonistas do conto
  • Escribir o nome dos/das protagonistas 
  • Dramatizar o conto
  • Poñerlle voces aos/ás protagonistas
  • Cambiar o final do conto
  • Adiviñar contos coñecidos a través da mímica
  • Adiviñar contos coñecidos a través de pistas verbais
  • Introducir nun conto protagonistas pertencentes a outro conto para crear novas historias
  • Mirar contos ou álbums ilustrados xogando a inventarlle unha historia a través das ilustracións...















Comentarios