ACUARELAS CASEIRAS

Despois destos días de descanso... iniciamos unha nova rolda de propostas!


Que vos parece se hoxe os/as peques pintan un pouquiño cunhas acuarelas moi especiais? Para levar a cabo esta proposta só ides a precisar: algunhas das especias que teñades na vosa casa, tamén vale café e colorante alimentario en po (neste caso o colorante alimentario líquido ou en xel non vale xa que se perdería a esencia da actividade), varios recipientes (vasos, tarros, botes... o que teñades a man) e auga. A súa preparación non vos ocupará apenas tempo, sendo esta moi pero que moi doada: 

PASO 1. Elixir as especias que queren empregar, fixarse moi ben naquelas que teñan unha cor intensa pero, sobre todo, espertar o seu sentido do olfacto e escoller aquelas que desprendan un olor agradable e que lles guste. O aroma será importante para que na súa creación resalten ademais das cores, ricos olores. Algunhas especies que podedes usar son: o pimentón, o azafrán, a cúrcuma, a pementa negra, o pemento vermello escuro... tamén podedes usar café.


PASO 2. Botar unha pouquiña auga en cada un dos recipientes elixidos para levar a cabo a proposta. Se desexaran que o resultado sexa unha textura máis espesa, poden engadir fariña ou azucre en polvo á auga e remover. Neste caso, recoméndovos que auga sexa tibia para facilitar a posterior mestura e evitar a aparición de grumos.


PASO 3. Engadir cada unha das especias que escolleran ou que tiverades a man a cada un dos recipientes con auga. No caso de que contedes con especias enteiras, deberán primeiro moelas ben nun morteiro.


PASO 4. Mesturar todo ben mesturadiño coa axuda dunha culler tratando de evitar que queden grumos e obter unha textura lixeira.


PASO 5. Dar renda solta á imaxinación e desfrutalas!


Como vedes, con algo tan sinxeliño os/as peques estarán involucrando tódolos seus sentidos xa que a través desta proposta ven, ulen, poden tocar e incluso probar! Se as pechades ben, poden gardarse durante uns días e volvelas a reutilizar!

Feliz martes!

Comentarios

  1. Nos probamos hoxe...pasámolo pipa.
    Se tedes infusiones como o té negro ou te de frutas do bosque conseguides novos olores e cores!!!

    ResponderEliminar

Publicar un comentario