ESCUMA

Nesta ocasión, lánzovos unha proposta sensorial e creativa coa que experimentar a través da escuma. Para realizala precisaredes:

  • Escuma, de afeitar ou do pelo
  • Colorante alimentario ou témpera
  • Unha bandexa
  • Un ou dous folios
  • Instrumentos para debuxar sobre a escuma: pincel, bastonciño...
Para a primeira parte da proposta tedes que botar escuma enriba dunha superficie, que vai servir de lenzo. Podedes empregar unha bandexa ou utilizar directamente a mesa se a superficie o permite. Canto máis ampla sexa a zona, máis espazo para a experimentación e a creatividade. O ideal é que a cor da escuma contraste sobre o da superficie, polo que podedes deixala de cor branca ou tinguila de colorante ou témpera.


Unha vez os/as peques teñan a escuma ven estendida, terán multitude de opcións como por exemplo:

  • Experimentar libremente coa escuma, sentido a textura, consistencia...
  • Debuxar.
  • Xogar a adiviñar o debuxo
  • Realizar trazos verticais, horizontais, oblicuos, bucles, zig-zag...
  • Debuxar formas xeométricas
  • Escribir números, letras
  • Compoñer palabras


Despois de probar algunhas das opcións anteriores, podedes realizar cos/as peques unha actividade máis artística para o que precisarán tinguir a escuma. Poden empregar pequenas gotiñas de colorante ou témpera, xogando a mesturar as cores con coidado coa axuda do propio dedo, un pincel, bastonciño... dependendo de como se faga estas mesturas obteredes resultados moi distintos.


Poden mesturar as cores un pouquiño, deixándoas claramente distinguidas e facendo formas:


Ou, pola contra, mesturalas moito obtendo un efecto máis marmolado:


No momento de mesturalas, recoméndovos que a mestura sexa máis superficial que profunda, especialmente se optan pola primeira opción. Cando estean conformes coa creación, teñen que coller o folio e colocalo enriba da escuma tinguida exercendo un chisco de presión.



Deixar o folio uns segundos e retiralo con moito coidado. Con isto conseguirán que a súa creación escumosa quede plasmada sobre o papel.



O seguinte e último paso, será quitar o exceso de escuma e deixar secar. Para facer isto, tamén dispoñedes de dúas opcións que dará resultados distintos: podedes retiralo arrastrando cunha regra ou algo similar que sexa plano, ou ben, retiralo cun anaquiño de papel de cociña ou algodón.


Os resultados non terán desperdicio! Bo día a todos/as!

Comentarios