PSICO E MOVEMENTO
E para hoxe, como proposta de psicomotricidade fina, pese que pode parecer sinxelo a simple vista, propóñovos un xogo que conleva o traballo de moitas capacidades e require de moita concentración e atención. A través da actividade que ides a ver, favorécese a adquisición dun maior control e coordinación dos movementos dos segmentos superiores do corpo, así como da coordinación óculo-manual. Ademais, o deseño dos percorridos favorece a creatividade e do desenvolvemento do traballo grafomotor.
Para realizar o xogo soamente precisaredes:
- Dous tapóns ou pezas/obxectos pequenos. Un aspecto importante a ter en conta é que a súa parte superior e inferior debe ser plano para asentarse correctamente sobre a superficie e, a súa vez, poder colocar correctamente os dedos para un movemento máis fluído e doado por parte do/da peque.
- Folios, cartón ou algunha superficie sobre a que poder debuxar os percorridos.
- Rotulador, lapis, xiz... ou algún instrumento de escritura axeitado á superficie a empregar.
Os pasos a seguir son os seguintes:
PASO 1. Comezamos debuxando o percorrido sobre o folio, cartón ou na superficie escollida. Podedes empregar liñas curvas, rectas, zig-zag, bucles... practicando deste xeito diferentes trazos. Unha vez feito o percorrido, márcanse os puntos de saída e chegada para establecer a dirección de movemento.
Nun primeiro momento, podemos comezar debuxando un único percorrido, con trazos máis sinxelos, ata dominar e controlar os movementos para despois continuar incrementando a dificultade da actividade debuxando dous percorridos a realizar simultaneamente.
PASO 2. Os/as peques deben colocar os tapóns ou pezas no punto de saída e, sobre eles, situar o dedo índice. É importante non exercer demasiada presión sobre a peza para que se poida executar o movemento e que resulte máis fluído. A través do ensaio-error os nenos/as descubrirán este aspecto e progresivamente adecuarán o movemento á actividade.
PASO 3. Unha vez teñades todo preparado, a xogar! Control, atención, coordinación e paciencia. Seguro que os movementos dos/das peques serán cada vez máis precisos!
Como propostas de máis movemento, preséntovos un novo vídeo de Alfonso García Muñoz, mestre de Educación Física, no que aparecen 3 xogos do máis sinxelos e divertidos facilmente adaptables a calquera material que teñades na casa:
- Obxectos ao final do corredor e recollelos executando diferentes desprazamentos.
- Rouba obxectos a metade de camiño.
- Rouba obxectos en extremos.
- Obxectos cos pés.
Achégovos un terceiro vídeo de ioga para o favorecemento da relaxación e a volta á calma:
Feliz mércores!
Comentarios
Publicar un comentario