RODA DE COR
A proposta de hoxe ten como finalidade afondar un pouquiño nas cores primarias, cores que non se poden obter a partir da mestura de ningunha cor, así como no resultado da mestura destas cores e que da lugar ás denominadas cores secundarias. Para facer a proposta un chisco máis visual e diferente para os/as peques, propóñovos realizar unha roda de cor.
Para levar a cabo a roda simplemente ides a precisar:
- Témperas ou colorante alimentario de 3 cores: vermello, azul e amarelo.
- 6 recipientes pequenos, tapas... preferiblemente transparentes ou con fondo branco para percibir mellor as cores resultantes.
- Un instrumento para mesturalas cores (pincel, bastoncillo...)
Os pasos a seguir son moi sinxelos:
PASO 1. AS CORES PRIMARIAS. O primeiro paso será centrar a atención dos/das peques nas cores primarias, é dicir, nas cores azul, vermello e amarela. Para iso, pediráselle aos/ás peques que coloquen os seis recipientes/tapas formando unha roda ou círculo e deberán engadir en tres dos recipientes/tapas un pouquiño de cor vermella, un pouquiño de cor amarela e un pouquiño de cor azul. Entre cada cor deixarase un recipiente/tapa baleiro. Podedes comentarlle aos/as peques que esas cores que están a engadir son as que se coñecen como cores primarias e que estas cores non se poden obter a partir da mestura doutras.
PASO 2. AS CORES SECUNDARIAS. Unha vez teñan na roda as cores primarias, chega o momento de encher aquelas que quedaron baleiras. Como? Pediráselle ao/á peque que ten que verter na tapa baleira, outro pouquiño de cada unha das cores que ten a ambos lados da tapa. Unha vez vertido, remóvese con moita delicadeza. Pouco a pouco irá percibíndose unha nova cor e repetirase o proceso cos outros dous recipientes/tapas. Estas cores coñécense como secundarias e son cores que se obteñen grazas a mestura das cores primarias.
VERMELLO + AMARELO= LARANXA
AMARELO + AZUL= VERDE
Déixovos un vídeo con todo o proceso:
Moi doado, verdade? Chegados a este punto a roda de cor estará lista para usarse!
PASO 3. CREACIÓNS. O último paso será o de experimentar coas cores primarias e secundarias sobre o papel. Propóñovos as seguintes opcións ao respecto:
- Pintar un cadro de xeito libre empregando tódalas cores da roda, primarias e secundarias
- Pintar un cadro soamente coas cores primarias
- Pintar un cadro soamente coas cores sencundarias
- Observar as creacións: que nos transmite cada un dos cadros e as súas cores?
Comentarios
Publicar un comentario