MEDIDA I
E rematamos a semana cunha proposta de medida!
A través da medición de diferentes obxectos, os/as peques desenvolven numerosas capacidades lóxico-matemáticas, destacando entre elas: a realización de estimacións, o conteo, a numeración, o coñecemento de diferentes unidades de medida...
Para levar a cabo a proposta só tedes que pensar moi ben o que queredes medir. Válevos calquera cousiña que queira o/a neno/a, dende os obxectos máis pequeniños (libros, caixas, lapis, coxíns, xoguetes...) ata os máis grandes (mobres, mesas, cadeiras, a súa cama...).
Antes de poñervos a medir un obxecto, procurade tomar un tempo co/ca cativo/a para observalo, analizar a súa forma, o seu tamaño e formular hipóteses sobre a súa posible medida en cada unha das unidades de medida que vaiades a empregar. Deste modo, unha vez medido o obxecto, poderedes comprobar se foron ou non correctas as vosas hipóteses así como se vos acercáchedes a súa medida real.
Para levar a cabo a medición, debedes comezar usando as unidades de medidas que ofrece o propio corpo (pés, dedos, cuartas, brazos, pasos e mesmo o corpo enteiro para os obxectos máis grandes) xa que este constitúe o punto de referencia dos/das peques en relación ao medio que o rodea.
Podedes decantarvos por unha unidade de medida en concreto ou ben, probar diferentes para un mesmo obxecto o que lles permitirá realizar comparacións entre estas.
Unha vez experimentado e comprobado as medidas co propio corpo, podedes rematar medindo os obxectos con algún instrumento propio de medida como pode ser unha cinta métrica, metro ou incluso unha regra se tiverades pola casa.
Durante o proceso, cada neno/a pode recoller nunha folla de rexistro os datos de medición. Deste xeito, anotando o nome ou un debuxo alusivo ao obxecto medido, estaredes fomentando á súa vez a lectoescritura do/da peque. Polo tanto, o rexistro pode ser escrito ou gráfico.
Para rematar, sería recomendable comprobar as hipóteses e formular conclusións ao respecto. Algunhas preguntiñas sobre as que podedes reflexionar poderían ser:
- Son correctas as hipóteses?
- Aproximámonos á súa medida real?
- Que obxecto ten un tamaño maior? e un menor?
- Hai obxectos que midan o mesmo?
- Varía a medida do obxecto en función da unidade de medida empregada? A que se deberá? Por exemplo, a caixa de madeira da fotografía mide un brazo pero se o mido coa miña man, equivale a dous palmos.
Por outra banda, as medidas corporais non son iguais en tódalas persoas e se o mide un/unha adulto/a e un neno/a, os resultados tamén variarán debido as diferencias de tamaño entre ambos/as de aí a necesidade de establecer unhas unidades de medida internacionais como as que temos na actualidade.
Bo fin de semana!
Comentarios
Publicar un comentario