COMECOCOS

Hoxe propóñovos unha proposta un tanto especial, un xogo que me recorda á infancia e que seguro moitos de vós tamén coñecedes: o comecocos. Para realizalo ides precisar:
  • Un anaco de papel con forma cadrada.
  • Lapis, rotuladores, ceras...
A súa creación supón un exercicio que implica de cheo o desenvolvemento da motricidade fina, a coordinación óculo-manual, a precisión, a concentración e tamén a paciencia. No seguinte vídeo atoparedes os pasos a seguir para elaboralo. Podedes axudar e guiar aos/ás nenos/as nos pasos a seguir, tentando sempre que estes participen o máximo posible, aínda naqueles pasos máis difíciles.


Unha vez elaborado o comecocos de papel, hai que enchelo de consignas. En cada unha das porcións da parte exterior das solapas, deberán pintar dunha cor, mentres que na parte interior das mesmas, escribir ou representar a través dun debuxo (en función do nivel de cada neno/a), unha consigna. Deste xeito, cada cor quedará relacionada cunha orde. A modo de exemplo, deixo as empregadas na elaboración do comecocos do vídeo:
  • Busca un obxecto redondo (triangular, cadrado, rectangular...).
  • Busca 4 (ou calquera outro número) obxectos.
  • Da 3 (1,2,4...) saltos a pata coxa.
  • Choca as 5!
  • Da 5 (7,10...) saltos cos pés xuntos.
  • Canta unha canción, adiviña adiviñanza, conta un chiste...
  • Imita a un elefante (león, sapo, perro...).
  • Busca un obxecto de cor vermella (amarela, laranxa, verde...)
Podedes elixir outras moitas diferentes e personalizar os vosos comecocos tanto como os/as peques queiran.

Establecidas as consignas só queda poñelo en marcha. Como? É moi sinxelo: Precísanse dous xogadores: un deles será o/a comecocos e o outro o xogador participante. O/a encargada de manexar o comecocos deberá colocalo correctamente suxeitándoo cos dedos pulgar e índice de cada man, practicando tamén deste xeito a pinza, tan importante para o correcto agarre dos instrumentos de escritura. Pediralle ao xogador/a participante que diga un número ao azar. A persoa encargada do comecocos abrirá e pechará o mesmo, contando en orde con cada movemento ata alcanzar dito número. Ao chegar ao número debe pararse e o participante deberá escoller unha das cores que mostra o comecocos na posición na que quedou aberto. O/a encargado/a do comecocos deberá levantar a pestana coa cor escollida e ler a consigna que ten escrita ou debuxada para que o/a participante a execute. Unha vez realizada a consigna, cámbianse os roles!

Un xogo do máis completo e divertido! A que si?

Bo día a todos/as!

Comentarios