MEDIDA II

Continuamos medindo pero desta vez non calquera obxecto que os/as peques atopen pola casa, senon que, nesta ocasión, propóñovos medir diferentes construcións da súa propia elaboración. Deste xeito, ademais de continuar consolidando o traballo coas medidas de lonxitude, estaremos fomentando neles/as outras capacidades como a precisión, a concentración, o desenvolvemento do seu enxeño e a busca de estratexias para lograr construcións sólidas e consistentes. 

Para levar a cabo as súas construcións, serviralles calquera material que poidan apilar: rolos de papel, caixas, tacos de madeira, pezas de construción, coxíns, pinzas, cartóns de leite... calquera obxecto e material é válido sempre que non resulte perigoso para o/a peque no caso de virse abaixo. Eles/as mesmos/as poden levar a cabo a súa selección coa vosa orientación e aprobación.


Unha vez escollidos os materiais, toca poñer en marcha a súa creatividade para a elaboración das diferentes construcións. Algunhas delas poden ser baixas:


E outras, dispoñer dunha altura maior:


Durante o proceso de creación e construción, deixade que os/as nenos/as tomen a iniciativa e tenten resolver as dificultades coas que se atopen durante o proceso (falta de equilibrio da construción, dificultade para acadar a altura desexada, bases pouco sólidas e seguras...). Os/as adultos/as podedes acompañalos na resolución pero deixando sempre un tempo para que eles/as mesmos/as traten de resolver as posibles dificultades e buscar posibles estratexias. 

Rematadas as construcións, antes de levar a cabo a súa medición coa cinta métrica, podedes aproveitar para establecer comparacións entre as mesmas (altura, consistencia dos materiais, número de pezas...) e con respecto tamén ao propio corpo reforzando conceptos como: máis alta que, máis baixa que, igual que... tanto coa vosa propia altura como coa dos/das peques. 

Para seguir ampliando e sacar un maior aproveitamento, sería interesante realizar rexistros de cada unha das construcións. Algunhas cousiñas que poden figurar no rexistro son: 
- Debuxar a súa creación.
- Outorgarlle un nome á mesma.
- Anotar o número de pezas empregadas na súa elaboración.
- Escribir o nome de materiais que precisou para levala a cabo.
- Recoller as medidas da obra. 

Adiante con eses construcións! 

Deixo un vídeo sobre a lonxitude para os máis maiores para refrescar algunhas cousiñas que vimos na escola e dalgúns conceptos novos:



Feliz xoves!

Comentarios