UNHA COMIDA ESPECIAL
Toca unha proposta de lóxica-matemática un tanto peculiar! A idea é a de combinar o potencial do xogo simbólico para tratar algúns conceptos de lóxica-matemática, seguir afondando no sentido do número e resolver algunhas operacións matemáticas tales como o reparto.
Para levar a cabo esta proposta precisamos duns cantos pratos e unha cantidade abundante dun alimento que escollades. Recoméndovos que o alimento poida manipularse sen que este se deteriore de tal xeito que cun simple lavado o poidades usar, evitando o seu estrago. Para aqueles/as que non desexan usar comida, poden empregar tamén obxectos de uso cotiá (botóns, tapóns, cortizas...). Podedes elixir cos/as peques o alimento ou material a empregar e depositalo nunha bandexa ou algo similar e preparar a mesa dun xeito especial como poñendo un mantel, por exemplo. Posteriormente, o/a nena reparte a cada comensal invitado á comida un prato e colócase a bandexa co alimento ou obxecto escollido nun lugar accesible para este/a. Chegados/as a este punto, as opcións que podedes realizar son variadas:
1. CONCEPTOS MATEMÁTICOS. Máis, menos, moito, pouco, todo, nada... son algúns dos conceptos que podedes poñer en práctica ao levar a cabo a seguinte proposta. Pouquiño a pouco, vánselle ofrecendo a/o neno/a as diferentes consignas (quero máis ca ti, agora un pouquiño menos, agora moito...) e el será o encargado de "servir" en cada prato.
2. "TANTOS COMO...". Nesta ocasión, o obxectivo será practicar o conteo e a correspondencia entre cantidades. Pode comezar a persoa adulta servíndose no seu prato a cantidade que considere (a máis cantidade, máis complexidade) e posteriormente pediráselle ao/á nena que se sirva exactamente a mesma. Aqueles/as nenos/as que o precisen poderán levar o conteo do número de alimentos do prato do/da adulto/a para identificar a cantidade exacta que precisará coller da bandexa.
3. REPARTO. Outra das opcións que nos ofrece este xogo é a de realizar reparticións. Para levar acabo esta opción, debedes comezar retirando da bandexa a cantidade que queredes que o/a nena reparta. A consigna que se lle ofrecerá ao/a pequena é a de tratar de lograr que cada prato teña a mesma cantidade de comida, nin máis, nin menos. As cantidades a repartir poden ser exactas ou inexactas, de tal xeito que sobre ou falte comida e sexa preciso que retire máis da bandexa para igualar cantidades.
Resulta interesante nesta última opción formularlle preguntas previas e posteriores ao reparto (cantos cres que irán en cada prato?; cantos sobra? cantos faltan?; como podemos facer para que todos/as teñamos a mesma cantidade?...) para traballala estimación, o seu razoamento e a resolución de problemas matemáticos introducindo conceptos como sobrar, faltar ou igualar.
4. PAR E IMPAR. A forma de proceder é exactamente igual que a anterior, só que neste caso unicamente poden ser dous os invitados que acudan á comida. Polo tanto, procédese primeiro retirando as cantidades da bandexa, solicitáselle ao/á neno que conte o número de obxectos a repartir e logo debe levar a cabo o seu reparto. No caso de sobrar, o número será impar e pola contra, par.
Recordade que en tódalas opcións canto máis alto é o número, maior será a dificultade.
AMPLIACIÓN:
- Rexistrar nun papel as grafías dos números a repartir.
- Rexistrar ao lado de cada grafía do número como se escribe este.
- Anotar ao lado de cada número se é par ou impar (probade nesta opción de xogo con números pequenos)
- Anotar ao lado do número a súa equivalencia en decenas e unidades.
Espero que o desfrutedes! Bo día a todos/as!
Comentarios
Publicar un comentario