SOMBRAS CO CORPO

Para rematar a semana propóñovos un xogo de luz e sombras. Para levar a cabo esta proposta, ides a precisar unha fonte de luz. Vale un simple raíño de sol que entre pola fiestra ou ter a man un flexo ou lanterna (pode ser a do teléfono móbil) e, nunha habitación bastante a escuras, colocalo/la emitindo a súa luz cara unha parede do cuarto libre. Unha vez elixido e preparado o espazo, simplemente hai que poñer o que se quere proxectar entre a luz e a parede. 

Recoméndovos que previamente ou durante o propio proceso de creación de sombras lle formuledes aos/ás peques preguntas do seguinte tipo: que pasa se a luz está máis lonxe? e se a colocamos máis preto? e se agora a poñemos dende arriba ou dende abaixo?... e ir comprobando todas esas cuestións. Deste xeito, descubrirán cousiñas como: se a luz está máis lonxe a sombra agrándase, canto máis preto o tamaño é máis real, se a luz ven de abaixo as sombras crecen... e así, ademais dun xogo divertido, converterédelo nun xogo de investigación e experimentación. 

Son varias as opcións que contades usando o propio corpo: probando este en diferentes posicións sen movemento ou incluso con movemento (gateando, saltando, facendo movementos máis lentos, máis rápidos), prolongando o seu corpo con outros obxectos alleos (un plumeiro, unha escoba...), intentar que se toquen as sombras colocando os vosos corpos a diferentes distancias con respecto á fonte de luz, probar cunha man, coas dúas, introducindo máis mans... esta parte do corpo dá moito xogo para crear ademais unha gran variedade de animais:


 
Recoñecedes os meus? Déixovos un video pequerrichiño no que ensinan como facer algunhas destas sombras. Algunhas son máis doadas que outras pero sen dúbida supoñen todo un reto! 


Que teñades un bo fin de semana!

Comentarios