MICROSCOPIO
Dunha roda chea de cor pasamos á elaboración dun "microscopio" moi peculiar que aportará á proposta de hoxe un extra de diversión e motivación. Para a súa elaboración precisarase:
- Unha fonte de vidro un pouco ampla
- Un vaso de vidro
- Unha culler
- Auga
- Colorante alimentario ou témpera
- Folios
- Rotulador
Para preparar a proposta, débese encher a fonte de vidro de auga, máis ou menos ata 1/3 da súa capacidade. Posteriormente, os/as peques deben botar dúas ou tres pinguiñas de colorante ou témpera e ir remexendo pouco a pouco coa axuda da culler ata que se disolva. O obxectivo é que a auga quede o máis escura posible de tal xeito que non se vexa o fondo da fonte, polo que, se non se lograra isto, deberán engadir máis cantidade de colorante ou témpera.
Precísase tamén elaborar unha serie de modelos de temática diferente: números, letras, formas e figuras, debuxos... nesta parte, poden colaborar tamén os/as peques. Non obstante, para que a busca sexa máis emocionante e non coñezan a disposición das letras, formas... recoméndovos que o faga un/ha adulto/a.
Os modelos son moi sinxeliños e non levará moito tempo a súa realización. Ademais, podedes acompañalos dunha folla de rexistro que servirá para que os nenos/as leven conta dos elementos que van atopando a través do seu microscopio. Este rexistro pode ser unha repetición dos modelos elaborados ou escrito, como o que vos ensino a continuación, máis idóneo para aqueles/as nenos/as que xa se iniciaron ou estanse a iniciar coa lectura.
Outra opción que podedes empregar para aproveitar como modelo son: as follas de revistas, os xornais, os cartóns das caixas que envolven algúns alimentos que conteñen debuxos e letras...
Unha vez teñades os modelos, débense ir colocando de un en un debaixo da fonte con auga coloreada. Os/as peques terán que coller o vaso e situalo dentro da fonte, pegando o fondo do vaso ao da fonte. A partir deste momento, deberán mover o vaso arrastrándoo pola fonte, sen levantalo e ir buscando as sorpresas que se esconden na escuridade da auga.
- buscar números, letras, formas e debuxos dunha forma máis libre por parte do neno/a.
- tentar atopar as letras que forman o seu nome, o dos/as familiares, amigos/as..., as letras de palabras.
- relacionar o número que atopa con algo real, por exemplo: 4, como as patas do can.
- coller tantos obxectos que teña nesa zona como indique o número.
- escribir como se lee o número ou, ao revés, lendo o número e escribindo nunha folla a súa grafía.
- buscar os debuxos e xogar a inventar breves historias.
- anotar o nome dos debuxos segundo o nivel de escritura.
- realizar un conteo dos elementos atopados.
- pasar o nome dos debuxos de singular a plural.
- engadir un adxectivo aos obxectos.
- elaborar unha frase coas palabras ou debuxos atopados...
Como vedes, son varias as opcións que ofrece. Podedes probar con varias ou repartilas se a proposta resulta divertida e motivadora!
Feliz mércores!
Comentarios
Publicar un comentario