EXPERIMENTACIÓN

Comezamos unha semana máis cun novo experimento. O fenómeno de hoxe a investigar é o da capilaridade, fenómeno segundo o cal a superficie dun líquido en contacto cun sólido ascende ou descende debido á forza que resulta das atraccións entre as moléculas do líquido e as deste coas do sólido. Aínda que o experimento pode realizarse sen cores, recoméndovos o uso das mesmas para aprecialo mellor e facelo visualmente máis atractivo, ademais que permite ver aos/ás peques outras formas distintas de mesturalas cores. 


 Para que os/as peques aprecien este fenómeno tan peculiar imos a precisar:

- 6 tarriños ou vasos de cristal.
- Colorante alimentario ou témpera vermella, azul e amarela.
- Auga.
- Unha culler.
- Papel de cociña.

A diferencia do experimento da semana pasada, a reacción a percibir non é tan rápida polo que precisaredes esperar un par de horas para ver o efecto do mesmo. Non obstante, o proceso a seguir é moi sinxelo:

PASO 1. Coller os 6 tarros ou vasos de cristal e botar en cada un deles auga. O nivel de auga non será igual nos 6, senón que 3 deberán ter un pouquiño máis de cantidade que os outros 3. Recoméndovos que fixedes a atención dos/as peques neste aspecto, xa que cando observedes o resultado final, o nivel de auga tenderá a equipararse. Se contades cun medidor, podedes empregar unha determinada medida para 3 dos vasos e, para os 3 restantes, outra medida un pouquiño máis inferior.


Recoméndovos posicionar os tarros ou vasos en forma de roda xa que se pode relacionar coa roda de cor. Debedes situar no medio dos 3 vasos con máis auga, un máis vacío.


PASO 2. Os/as peques terán que botar unhas pinguiñas de cada cor en cada un dos tarros ou vasos para tinguila auga e removelos ben coa culler. Estas pinguiñas irán nos vasos máis cheos. 



PASO 3. Chegados a este punto terán que arrincar 6 trociños do papel de cociña e dobralos sobre si mesmos.

PASO 4. Deberán colocar o papel a modo de ponte entre cada un dos recipientes, somerxendo cada extremo na auga de cada un dos vasos. 



PASO 5. Toca esperar unhas horiñas e... o líquido subirá por capilaridade enchendo o vaso máis vacío de auga cuxa cor será o resultado da mestura das dúas cores dos extremos.


A mestura de cores resultante, non se logrará no líquido como a da semana pasada aínda que si se poderá observar mellor no papel de cociña. Non obstante, tras observar como a cantidade de líquido quedou finalmente igualada en tódolos vasos, anímovos a tratar de conseguir con máis exactitude as cores resultantes mesturando os líquidos.


Este experimento converterase nun bo exercicio para cultivar a paciencia e ver como algúns fenómenos ou efectos non son inmediatos e tardan un pouco máis en producirse.

Feliz luns a todos/as!

Comentarios