MANDALAS
Hoxe anímovos a realizar cos/as peques os seus propios mandalas. Un mandala é unha estrutura que se organiza en torno a un punto concéntrico. Sempre se traballan dun xeito circular, ampliando cada vez máis o seu tamaño. Poden realizarse como algo artístico, como algo espiritual ou tamén como terapia para combater o estrés e a ansiedade.
Que beneficios ten para os/as vosos/as peques? Pois ademais de axudarlles a reducir a tensión que poden ter acumulada tras estas longas semanas de incerteza e cambio, estimulan a súa creatividade e favorecen, entre outras moitas cousas, a súa atención e concentración. Unha tendencia moi actual é pintalas pero tamén os podemos crear a través de obxectos, sendo esta a idea que vos propoño.
Para levar a cabo a súa creación simplemente tedes que buscar pola casa calquera obxecto e material que vos pareza interesante usar, deste modo seguimos aproveitando obxectos de uso cotiá que temos ao noso alcance, pois como estades a ver, todos eles ofrecen infinitas posibilidades de aprendizaxe e xogo. O único que debedes ter en conta á hora de escoller algúns materiais é a súa abundancia, para ofrecerlle á/ao peque a oportunidade de facer as repeticións que consideren oportunas. Aquí vai un exemplo dos materiais empregados nesta ocasión:
Eles/as mesmos/as poden encargarse de escoller o material a usar ou acompañarvos na súa busca. Podedes ir gardando cada tipo nun recipiente diferente (tarriño, cesto, prato...), favorecendo a orde dos mesmos durante a actividade. Recoméndovos que dediquedes un momentiño tamén a elixir cos/as peques o espazo donde levalo a cabo, debendo de ser este un pouco amplo, de tal forma que non se lle establezan límites, podendo facelos mandalas tan extensos como desexen, sen verse na obriga de frear a súa creatividade.
Ofrézovos dúas alternativas para a creación dos mandalas, ambas complementarias e que se poden levar a cabo no mesmo día ou en días diferentes.
1ª OPCIÓN: CREACIÓN LIBRE. Neste caso só tedes que ofrecerlle aos/ás peques o material e mans a obra! Podedes facer creacións en familia tamén, elixindo conxuntamente os materiais e a súa distribución sen interferir, por suposto, nas súas iniciativas e preferencias.
2ª OPCIÓN: SIMETRÍAS. Esta alternativa ten un carácter diferente, pois non se pretende tanto espertar a súa creatividade, senón centrar máis a súa atención e concentración á hora de seguir un modelo. Polo tanto, para levar esta idea, o/a adulto/a deberá crear a metade da mandala e deixar ao/á peque completar a parte que falta. Podedes tamén invertir os roles e animar o/á peque a crear a súa metade para completada por vós posteriormente.
Podedes acompañar todo o proceso creativo cunha música relaxante de fondo para que o seu poder calmante sexa aínda maior ☺️.
Comentarios
Publicar un comentario