EXPERIMENTACIÓN
Como vai sendo costume, comezamos a semana cun pouquiño de experimentación! Hoxe afondaremos un pouquiño máis no principio de flotabilidade. Para levar a cabo este experimento só ides a precisar: unha laranxa e un recipiente alto e transparente para observar mellor todo o proceso.
O primeiro paso será encher o recipiente de auga e antes de introducir a laranxa coa tona, formularse aos/ás peques a seguinte hipótese: flotará ou afundirá? Introdúcese a laranxa e obsérvase.
Despois disto, procederase a retirar a laranxa do recipiente con auga e quítaselle á mesma a súa tona. Podedes axudarlle un pouquiño aos/ás nenos/as se o precisan dependendo do dura e grosa que sexa a tona. Recoméndovos que retiredes un pequeno anaquiño (podedes usar un coitelo en caso de precisalo) e que sexan os/as peques os que continúen co proceso coas súas propias mans se é doada de retirar, xa que lles servirá para traballar a súa psicomotricidade fina, favorecendo a exercitación das mans, a súa axilidade, a coordinación óculo-manual, a súa forza...
Unha vez retirada a tona, formúlase de novo unha nova hipótese: Que pasará agora? Flotará ou afundirá? Despois de pensar as hipóteses, introdúcese de novo a laranxa sen tona na auga e obsérvase outra vez.
Chegados a este punto pode ser xa sufiente para extraer conclusións. Non obstante, resulta interesante que continuedes comprobando outras posibles alternativas que ofrece: cortándoa á metade, separándoa en cada unha das súas diferentes partes...
... e, por suposto, introducindo as súas tonas. Neste caso, o resultado non será o mesmo xa que flotarán na auga e orientará aos/ás peques á hora de establecer as posibles causas sobre a flotación da laranxa na primeira proba e axudaralles a establecer conclusións sobre o experimento.
O motivo deste suceso é que a tona da laranxa contén un montón de burbullas de aire que fan que o conxunto da densidade da laranxa sexa menor que na auga na que se atopa, por iso cando se lle quita ese "flotador" a súa densidade aumenta sendo maior que a da auga dando lugar a que se afunda.
Como vedes trátase dun experimento moi pero que moi sinxeliño e á súa vez superinteresante. Espero que o desfrutedes!
Comentarios
Publicar un comentario