PSICO E MOVEMENTO
Hoxe toca unhas propostas de psicomotricidade, tanto fina como grosa, que podedes realizar perfectamente cos/as peques na casa. Son moi sinxelas e para as que precisaredes botar man dalgúns materiais de refugallo. Non vos preocupedes se agora mesmo non dispoñedes deles ou dunha cantidade abundante, xa que sempre podedes ir gardándoos e aplicar a proposta noutro momento. Comezo amosándovos, en primeiro lugar, as de psicomotricidade fina, as cales, son dúas nesta ocasión tamén, moi doadas e que poden chegar a ser do máis divertidas:
ABRIR E PECHAR BOTES: para levar a cabo esta proposta non ides precisar máis que algúns botes, botellas, tarros... que teñades polas vosas casas. Con algo tan simple como o feito de abrir e pechar estes recipientes, estaredes contribuíndo ao desenvolvemento da psicomotricidade fina do/da peque, traballando a forza e o movemento de pulso e dedos da man.
Poden probar primeiro a encaixalos todos e para variar a proposta e facela emocionante, se dispoñedes dun número considerable de botes, podedes empregar un cronómetro, temporalizador... para tratar de logralo no menor tempo posible, podendo incluso levar a cabo un rexistro dos tempos e ir tratando de superarse. Outra variante un chisquiño máis difícil, é a de pechar os ollos ou cubrilos cun pano e tratar de adiviñar a tapa correspondente a cada tarro.
Podedes ofrecer tamén tapas de máis... de tal xeito que algunhas sobrarán.
E viceversa, ofrecer máis tarros que tapas, polo que neste caso, comprobarán que faltarán.
PESCAR TAPÓNS. Esta proposta ao igual que a anterior tamén permite varias opcións. Podedes xogar por parellas e tratar de ver quen pesca máis tapóns ou lanzar un dado e ir quitando tantos tapóns como este indique. Se non tedes dados, válevos tamén introducir diferentes números nunha bolsiña ou cesto e ir sacándoos ao azar.
Achégovos outro vídeo na liña do anterior que publicara con outros xogos motrices que podedes aplicar na casa: limpa a túa casa, globo tenis, o corredor maldito e salva ao boneco.
E para relaxarse, un pouquiño máis de ioga en familia que sei que algúns/has lles gustou moito:
Bo día a todos/as!
Comentarios
Publicar un comentario