EXPERIMENTACIÓN
O experimento que vos propoño hoxe é bastante diferente aos das semanas anteriores. Neste caso, deixaremos a un lado a flotabilidade e a densidade da auga para centrarnos nun fenómeno producido por unha reacción química que seguro deixará aos/ás peques abraiados/as.
Os materiais que precisaredes para levalo a cabo son moi comúns e seguro que moitos/as os tendes nas vosas casas, senón é todos, a maior parte deles, sendo estes os seguintes:
Os materiais que precisaredes para levalo a cabo son moi comúns e seguro que moitos/as os tendes nas vosas casas, senón é todos, a maior parte deles, sendo estes os seguintes:
- Auga
- Colorante (opcional)
- Deterxente líquido para a louza
- Bicarbonato de sodio
- Vinagre
- Unha culler
- Un ou varios vasos/tarros
- Un recipiente ou fonte
O primeiro paso será elixir a cantidade de vasos a empregar para o que debedes ter en conta se ides a utilizar o colorante así como o número de cores que ides a usar. No caso de prescindir del, será suficiente un único vaso ou tarro. Unha vez decidida esta cuestión, engádese a cada un dos vasos un pouquiño de auga. Podedes ir colocando xa os vasos dentro da fonte ou recipiente escollido.
O seguinte paso é opcional, xa que o colorante non é determinante á hora de producir o fenómeno aínda que lle aporta un toque de cor ao experimento, facéndoo máis atractivo. Será suficiente con verter unhas gotiñas en cada un dos vasos con auga e...
...removelo ben coa axuda da culler de tal xeito que quede todo ben diluído:
Posteriormente, toca engadir un pouquiño de deterxente a cada un dos vasos e remexelo de novo. Este ingrediente fará que o resultado sexa aínda máis espumoso.
Unha vez engadido o deterxente, chega a quenda do bicarbonato. Vértense un par de culleres deste material en cada un dos vasos e mestúrase todo ben mesturadiño.
Feito isto, queda un último paso e o máis emocionante: botamos o ingrediente que falta, o vinagre, e observamos o que acontece! Recordade formular posibles hipóteses ao respecto e non vos esquezades de introducir os vasos dentro da fonte/recipiente antes de engadir este último material!
Se quixeran repetir, poden engadir máis bicarbonato, remover e volver a verter o vinagre sen necesidade de volver a empezar de novo.
Este fenómeno xurde como consecuencia de xuntar o vinagre (un ácido) co bicarbonato, dando lugar a un gas (dióxido de carbono) que fai que dita mestura quede espumosa e se expanda rebasando incluso os límites do vaso en función das cantidades engadidas. Esta mesma reacción podedes realizala sen o vinagre, utilizando, por exemplo, un limón cortado pola parte superior e extraéndolle un pouquiño de pulpa interior para verter o bicarbonato dentro do mesmo. Ao mesturarse o bicarbonato cos ácidos do limón o efecto será o mesmo.
Feliz luns a todos/as!
Comentarios
Publicar un comentario